martes, maio 27, 2025

Os días 3 e 20 de xuño non haberá servizo de comedor; lembrade borrar os nenos e nenas que estean apuntados!


Chega o mes de xuño e con el chegan dúas datas importantes no noso colexio: a excursión de fin de curso e a festa da convivencia. 

O próximo martes 3 de xuño é a excursión de todo o alumnado ao Muíño de Pedroso. Lembrade que a ANPA axuda con 5€ a cada alumno ou alumna que estean asociados. Ademais, posto que a volta está prevista para as 16.30h, ese día non haberá servizo de comedor.

A festa da convivencia será o úlitmo día do curso, o venres 20 de xuño, e posto que comeremos todos xuntos no recinto escolar, tampouco teremos servizo de comedor. Seguiremos informando dos detalles...

Lembrade; se tedes os nenos/as apuntados para eses días, borrádeos canto antes para que non haxa confusións.

O servizo de madugradores si funcionará con normalidade nas dúas datas.


luns, maio 26, 2025

Fin de curso das actividades extraescolares

 


Nesta última semana de maio rematan as actividades extraescolares xestionadas pola ANPA: robótica, tenis e creatividade. Agardamos que lles gustaran aos peques e ás familias!

luns, maio 19, 2025

Cantareiras, flores, repichoca e baile

Deixámosvos un pequeno resumo feito pola ANPA da festa que tivo lugar o pasado venres, conmemorando os Maios e as Letras Galegas, dedicadas este ano ás cantareiras e á súa contribución á nosa cultura e tradición oral e musical. Pasámolo xenial coas cancións preparadas polos alumnos e alumnas e coa nosa repichoca!



xoves, maio 15, 2025

As nosa homenaxe ás cantareiras e á festa dos Maios

O equipo artístico da ANPA quixo contribuir ás celebracións que veñen estes días facendo unha decoración ben fermosa e este vídeo con música de cantareiras, ás que se lle adican este ano as Letras Galegas. A aproveitar, que parece que vén bó tempo!!



xoves, marzo 06, 2025

Centieiras, a arte e o Entroido de Fene



A comparsa Centieiras e os seus artistas triunfaron onte no Entroido de Fene. Mimos, bailaríns e bailarinas clásicas e modernas, iconas do Pop Art, pintores e pintoras da "escola parisina" e incluso algún ilustre de tempos variados como Frida Kahlo, Vicent Van Gogh, Pablo Picasso ou mesmo o veciño de Neda Leandro Lamas desfilaron polas rúas de Fene dando o mellor de si mesmos e desafiando tamén a esas gotas de chuvia que non lograron deslucir a festa. Tamén os músicos tocando en directo que non poden faltar neste grupo e que poñen ese toque especial e único a esta comparsa (dende aquí, grazas de corazón).

No escenario, preto de 130 persoas dispostas a pasalo xenial e a demostrar, un ano máis, que entre todas e todos pódense facer cousas moi bonitas que serven para facernos ver, reivindicar as nosas cousas, socializar e coñecernos mellor.

Agardámosvos o ano que vén e deixámosvos algunha foto por aquí.













sábado, febreiro 15, 2025

Novo ano de record para a comparsa Centieiras!!


Nada máis e nada menos que 131 persoas formamos parte da lista de participantes na comparsa deste Entroido, 27 máis ca ano pasado. Con estas cifras quedamos abraiadas e non podemos máis que agradecervos a todos e todas a vosa implicación.

Este ano somos "Artistas de Centieiras" e percorreremos as rúas de Fene pasándoo o mellor que poidamos e facendo que as persoas que nos vexan o pasen tamén xenial.

Procedemos agora a facer o grupo de whatsapp con todas as persoas que estades apuntadas e xa vos contamos por aí todos os detalles.

Grazas de novo e... a aprender as cancións e os bailes!!

luns, febreiro 03, 2025

Comeza o prazo para apuntarse á comparsa Centieiras 2025. Non o perdades!!



Que nervios, que nervios, que xa chega o momento... Este ano temos que reservar a data do 5 de marzo (Mércores de Cinza e festivo local en Fene), na que o desfile de comparsas contará, como sempre dende hai máis de 30 anos, coa representación de Centieiras. É un día de festa no que facemos moitas cousas, pero a máis importante é a de pasalo xenial. A continuación deixámosvos a indicacións explicativas para toda a xente nova ou como recordatorio para a veterana e lembramos que é unha actividade aberta a todas as persoas (primos, tías, avoas, amigos, etc). O prazo para apuntarse abre hoxe e remata o 14 de febreiro; non o pensedes e apuntádevos xa!!

De que se trata?

É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre o alumnado de Centieiras que participe
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.

Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, quizais con algunha adaptación, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa estamos preparando as cancións, desta volta, con música de Joaquín Sabina, The Ramones e Lola Índigo (a cousa pinta interesante...)

Que supón para as familias?

O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?

Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 14 de febreiro. Ollo!! 👀👀👀 Tedes que especificar o seguinte:

- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto

- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 

Non o perdades que, este ano, SOMOS MÁIS ARTISTAS CA NUNCA!!



luns, decembro 23, 2024

Visitounos Papá Noel e trouxo agasallos!

Papá Noel xa lle colleu o gusto a este colexio e non hai ano que non pase por Centieiras a escoitar as peticións de todo o noso alumnado. Este ano veu cargadiño de agasallos e deixounos unhas gorras super bonitas e uns Aspitos; será que nos portamos bastante ben...

Deixámosvos por aquí un vídeo da visita. Que pasedes moi boas festas e vémonos no 2025!





venres, decembro 13, 2024

Xa temos os calendarios de 2025, non quedes sen o teu!


Para 2025 temos de novo o calendario da ANPA con fotos de todas as clases, dos profes e doutras cousiñas nosas. Agradecemos a Marisa Rey o seu traballo desinteresado como fotógrafa, que cada ano é mellor, e agardamos que vos gusten tanto como a nós.

Como podedes conseguilos?

Estaremos o vindeiro luns 16 e martes 17 nos seguintes lugares e horarios para que poidades achegarvos (a doazón é de 3,50€ de novo, igual ca o ano pasado):

- Luns de 9 a 9.30h, no local da ANPA

- Luns de 13.30 a 14h, na pista cuberta

- Luns de 16 a 16.30h, no local da ANPA

- Martes de 9 a 9.30h, no local da ANPA

- Martes de 13.30 a 14h, na pista cuberta

- Martes de 16 a 16.30h, no local da ANPA

Moitas grazas e apurade, que voan!!

xoves, decembro 12, 2024

Así está quedando o noso cole para dar a benvida ás festas do Nadal


O traballo en equipo e a colaboración coas familias sempre dá bos resultados e, desta vez, non podía ser menos. A decoración do Centieiras para estas datas está quedando espectacular e todo grazas ás achegas das familias, ao traballo do noso equipo artístico e, en especial, a Laura Bouza (Laudas Calamity), que este ano uniuse á familia Centieiras e botounos unha man ben grande, tanto co seu traballo como coa achega de materiais. 

Deixámosvos por aquí algunhas fotos e podedes ver máis no noso Facebook e Instagram. Agora que o disfruten os peques e que cheguen pronto as festas! 

De novo, moitas grazas a todas as familias que colaborastes.